viernes, 8 de julio de 2011

ÚLTIMO DÍA E REGRESO

Estrela de mar
 Como moitos xa sabedes, a miña viaxe no barco durou menos do que esperaba. O martes 5 pola noite, de madrugada, entereime de que poñíamos rumbo a terra, cinco días antes do previsto. Non é que pasase nada malo, pero déronse un cúmulo de situacións que fixeron que o armador e o patrón de decidisen terminar a marea.
                                                       





Como vos teño dito anteriormente, as cousas do barco non son matemáticas e pequenos factores poden influír dunha ou doutra forma nas decisións que se toman. Neste caso, o que pasou foi o seguinte. A zona na que pescamos non é unha zona ampla, estabamos na zona francesa do Gran Sol, a unhas cen millas da costa da Bretaña, na boca do Canal da Mancha. Poderedes pensar, como pensaba eu, que o mar é moi amplo e hai sitio de sobra onde estar, pero non é así. Os peixes acumúlanse nas zonas segundo a profundidade das augas, e o Gran Sol, é unha zona montañosa somerxida, pero non tan profunda coma o resto do Cantábrico, na que viven as pescadas e outros peixes. Esta é a razón da importancia dos caladoiros, os peixes practicamente non habitan en zonas moi profundas. Por iso, non é doado atopar un lugar no que pescar ás túas anchas, xa que hai barcos galegos, asturianos, franceses, etc., que acoden ao mesmo lugar. Unha vez que se chega, hai que respectar a orde de chegada dos demais, elixindo zona de largada do aparello na mesma orde de chegada.

O contramaestre recollendo o aparello por babor

Pois ben, cadrou que o vindeiro luns, o día que tiñamos pensado estar de volta para vender o peixe, ía haber outros cinco barcos do pincho como mínimo vendendo en Celeiro, mentres que o xoves só ía haber un. Parece obvio que segundo a lei da oferta e a demanda, sería moito máis fácil acadar un mellor prezo para o noso peixe o xoves, pero ademais, durante esta semana o prezo do peixe estaba un pouco máis alto que as veces anteriores, co cal a decisión quedou tomada. O feito de chegar o xoves e partir ese mesmo día de volta á marea, faría que o barco se adiantase a chegar ao caladoiro antes que os barcos que descargasen o venres, o luns, e incluso o que chegase o xoves no caso de que este decidise facer un descanso, e ter preferencia á hora de escoller lugar de largada.

O patrón no seu posto
Así, o martes sobre as 03:00 decidiuse que ao acabar de virar poñeríamos rumbo a terra para chegar, máis de 24 horas despois, o Xoves sobre as 05:00 para descargar e vender. A min colleume de sorpresa, xa que non contaba con volver tan pronto, e aínda que estaba moi contento alí, recoñezo que no momento de sabelo a miña cabeza trasladouse automaticamente á casa e xa me deron máis ganas de volver. Pode resultarvos estraño o precipitado da decisión e o secretismo, como me pasou a mín, pero os patróns de pesca soen ter o costume de non revelar aos mariñeiros o día de volta ata o último momento, coido que para que non afecte ao rendemento e para evitar especulacións que se poden tornar tristes se por algunha razón hai que desdicirse e quedar uns días máis dos que se contaba. Aínda así, os mariñeiros, segundo o que conta ou non conta o patrón, o que vai decidindo e outras cousas que se ven no barco, soen ter as súas técnicas para saber si se finaliza a marea ou non.
O día e algo que durou o traxecto, volvín case aos primeiros días. Non hai moito que ver no barco, xa que case toda a tripulación aproveita para descansar. A única diferencia notable é que se fai a limpeza xeral, pero que neste caso, ao ser unha marea sen descanso, non foi tan esixente coma é normalmente.

Digo que volvín aos primeiros días, porque ao coller de novo a velocidade para volver, o movemento do barco volveu ser o do principio, e volveron os mareos. Leveime unha decepción comigo mesmo, xa que xunto cos ánimos que me daban todos, pensaba que estaba máis que adaptado, pero non era así. Paseino bastante mal, porque pouco máis puiden facer en todo ese día e pico que durmir, estar tumbado, e como moito irme sentar na ponte de mando, pero nin facendo iso aguantaba moito. Deixei de poder comer, e a revolvérseme o estómago á mínima. So me levantaba para comer algo á hora da cea e volver rapidamente para a cama, aparte de cando o corpo me permitía intentar gravar algo da limpeza ou estar como dixen na ponte de mando, onde facía máis fresco. Como xa era a viaxe de volta e poucas horas me quedaban no mar, simplemente resigneime e esperei.

Paco e Carlos sostendo unhas pescadas
Ás 05:00 aproximadamente do xoves chegamos a Celeiro. Fíxose a descarga e recollín a miña equipaxe. Vin como se colocaba o peixe na lonxa, pero non me quedei á venda, xa que ninguén do barco acude normalmente. É cousa dos armadores, e polo que vin parecíame unha cousa bastante privada e non me quixen entremeter, ao fin e ao cabo tratábase dun reflexo do que é a vida no barco, e aquí os mariñeiros non formaban parte. Aínda así, polo que sei, a venda non foi mal de todo, e o peixe era dunha calidade excelente moito mellor que outras veces. De todos modos, como me explicaron moi ben e eu mesmo puiden comprobar, o prezo do peixe en lonxa non está á altura do que vale, porque despois de todo o esforzo e custes que supón capturalo, na lonxa só se paga unha terceira ou unha cuarta parte do que pagaremos despois no mercado. Isto faime pensar moito no papel dos intermediarios, que se enriquecen a costa do traballo duns, e da ignorancia doutros, nós, os consumidores.

Cando cheguei á casa sobre as 11:00, todo o agotamento que non sentía no barco presentouse de repente, pero sentíame bastante raro en terra despois de dez días no mar. Desfixen a bolsa, dinme unha boa ducha, e saudei a familia e amigos. Puiden ver e responder tamén a todas as mensaxes recibidas estes días no blogue, no twitter e sobre todo no facebook, e ver que o blogue tivo unha gran aceptación. Agradézovos unha vez máis o seguimento, que superou as dúas mil visitas amplamente no blogue, tamén dende Francia, Holanda, Uruguai ou os Estados Unidos entre outros.

Un dos últimos atardeceres que vin no barco
O máis raro que me sucedeu e que despois de deitarme cando xa non podía máis a iso das 19:00, e espertei, a habitación dábame voltas na cabeza, e cada vez que me intentaba erguer da cama as miñas pernas facían o movemento de contrarrestar o movemento do barco de forma inconsciente e inevitable, e toda a casa me daba voltas na cabeza. Custábame moito aguantarme de pé e non o podía controlar. Parece irónico que isto me sucedese mentres me acostumaba ao barco e agora despois outra vez na casa mentres me acostumaba ao “non movemento”. Xa non me puiden erguer nin para cear nin para nada, ata hoxe pola mañá.

Alégrome moito de ter tido esta oportunidade, non so de modo profesional coma proxecto de fin de carreira senón tamén a nivel persoal, no que aprendín moito, e a apreciar certas cousas. E espero que todos os que seguirades un pouco o blogue tamén vos servise de algo, ou que polo menos o desfrutásedes. Como isto non é un proxecto totalmente libre, que é algo académico, non sei exactamente o que sucederá co blogue, pero espero co tempo ir contando como vai o proxecto. Gracias a todos os que fixeron posible que puidese realizar esta viaxe e a todos os que me axudaron dunha forma ou de outra. Sen máis despídome, polo de agora.


 

1 comentario:

  1. FELICIDADES POLO TRABALLO! GUSTOUNOS MOITO PODER SEGUIR ESTA EXPERIENCIA. A SEGUINTE ... A TERRANOVA!

    ResponderEliminar