lunes, 4 de julio de 2011

DIA 6



O sexto día da viaxe, sábado, encontrábame algo raro. Non estaba enfermo, nin mareado, simplemente creo que o feito de estar tanto tempo no mesmo sitio con tanta xente, un sitio pequeno no que non se pasa case nin un minuto só, me ten un pouco desubicado ás veces. Aínda así estou moi contento e non estou pensando para nada no día de volver á casa, pero recoñezo que o non ter un camarote de meu ou un lugar no que pasar algo de tempo para min, agóbiame un pouco. É o único que cambiaría. Creo que é por iso que me gusta pasar a tarde en cuberta, ao aire libre e aproveitando o bo tempo que aínda dura. Hoxe paseina en gran parte no “tellado” da ponte de mando, lendo un pouco, mentres intentaba facer un time-lapse do ceo coa cámara, cousa que descubrín que era totalmente imposible debido ao movemento sen pausa do barco. Non sei como non me din conta antes de poñerme.

Parece ser que o bo tempo só nos vai acompañar un par de días máis, así que aproveitei para facer planos recurso e fotos ao aire, aparte de gravar cousas que xurdían ou que me quedaran de días anteriores. A partir do martes ou mércores, está previsto que a forza do mar pase a 5 ou 6, en comparación con estes días que estaba no valor máis baixo. Dínme que facía moito tempo que non facía tan bo tempo e non estaba o mar en tan en calma tanto tempo seguido. Terei que volver máis veces.

Hoxe houbo bastantes problemas coa pesca, xa que o noso aparello enredouse varias veces co do barco co que estamos pescando en parella, o Candorca. Cando pasa iso, normalmente acaban rompendo e ningún dos dous barcos recupera nada. A culpa é das mareas vivas, que fan que os aparellos se movan do sitio máis do que deberían.

Despois de cear, unha pomba en ruta pousouse na cuberta. Puidemos collela e darlle algo de auga e comida mentres descansaba da súa viaxe. Era bastante mansa e deixábase. Algo que me gusta ver tamén son as aves que nos seguen practicamente dende que saímos. En concreto hai tres especies: uns pequenos negros que non sabemos como se chaman, os petreles, que se parecen ás gaivotas normais pero son máis pequenos, e os máis bonitos de todos, os mascatos, ou alcatraces que é como os coñezo eu. Pasan o día voando e nadando ao redor do barco, e durante a virada, que dura case todo o día, están pendentes de coller as vísceras que se tiran ao mar de limpar os peixes, ou os restos de sardiñas da carnada. Montan bastante feira, berran, peléxanse e pódense xuntar uns cen tranquilamente entre todos. Os mascatos son os que máis me gusta observar, voan en círculos ao redor do barco ata que localizan un obxectivo, e cando o ven, lánzanse en picado ao mar e nadan baixo a auga ata que o collen.

Cando vexo todo isto, e a cantidade de especies de peixes, as quenllas, as baleas, que nunca vira ata o de agora, lémbrome do que me gustaba de pequeno ver unha e outra vez os vhs cos documentais de Jacques Cousteau (penso que se escribe así, pero non teño forma de comprobalo), e como pensaba que cando fose maior me gustaría ir nun barco tamén a facer un documental no mar.

Agora ben, aínda que no mar non me vou meter coma facían nestes outros documentais, e menos coas quenllas, esta é unha gran oportunidade que teño que agradecerlle á Universidade da Coruña, que me deixou o material, e á casa armadora García Yañez, de Cedeira, que son os donos da empresa. E por suposto aos compañeiros do barco, que son os que me aturan estas dúas semanas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario