O cuarto día, xoves, decidín tomarmo con máis relax. Como prometera, erguinme co tempo de darme unha ducha antes de comer. Teño que dicir que a comida está boísima. Cada día hai varios pratos de verduras, carne e peixe para escoller ou tomar algo de todo. Eu non podo comer moito xa que ando medio día algo mareado (cada vez menos) e tampouco me apetece moito. De feito, o olor de facer a comida normalmente revólveme o estómago se non é xusto a hora de baixar, sobre todo cos pratos de carne, pero e que a carne e máis eu xa temos unha relación complicada que ven de antes. Co peixe non me pasa. É máis, o mellor de todo é poder comer o peixe que se pescou o día anterior, fresquísimo. Como lles gusta dicir por aquí, “comemos o peixe máis fresco do mundo, que nin o Rei”. Cómese peixe moi variado e tiven a oportunidade de probar algún que aínda non probara.
Como dixen antes, tomeime o día con moita máis calma. Estaba bastante canso de gravar a noite anterior, e o movemento do barco pola mañá, máis grande que o doutros días, non me permitiu durmir nin descansar demasiado. Pódese dicir que case rodaba dun lado ao outro do catre co movemento.
Dediquei a tarde a estar na ponte de mando, organizando, poñendo nomes, e facendo copias do que gravara ata o momento. Tamén aproveitei para estar en cuberta, xa que facía moi bo tempo e o mar estaba coma un prato. O patrón está tamén na ponte de mando vixiando a virada, por si algún peixe se escapa e hai que usar o “gancho”. Había bo ambiente xa que segundo me contaron foi o día que mellor tempo fixo de todo o ano polo de agora. Daba moito gusto pasear tranquilamente pola cuberta, tirando algunhas fotos, incluso coas gafas de sol e chanclas, e preguntando cada vez que algo me chamaba a atención. O mariñeiro que se dedica a virar, chámame cada vez que hai unha especie rara para min, para que a poida gravar ou tirarlle fotos.
Hoxe vin un par de quenllas, que se acercan ao barco atraídas polas pezas mortas, ou mesmo enganchadas nun anzuelo. Hai dúas ou tres especies de escualos que andan por estas augas, polo que puiden ver. Tamén se rescatou un aparello vello que se enredou ao noso, e que viña cheo de coral e especies do fondo mariño, como distintas estrelas de mar, ourizos, babosas de mar, e crías diminutas de centolas e o que parecían lagostas. Xa estiven un bo rato entretido tirándolles fotos e tratando de devolver ao mar as que estaban vivas.
Tamén tiven a oportunidade de descubrir que non todo é tan bonito. Hai algunha especie que non se pode pescar, porque non ten cuota de venda ou non serve para comer, pero que desgraciadamente quedan enganchadas nos anzuelos e cando se tratan de devolver ao mar xa están mortas. Por sorte, estas son as menos, xa que o modo de botar o aparello está feito para que a gran maioría dos que pican sexan pescadas. Segundo a especie, tírase nunha zona ou forma distinta, e funciona.
Isto pasou cun par de quenllas. Unha ben grande viña liada co aparello, e foise nadando en canto a liberaron. Sen embargo, unha de tamaño algo máis pequeno, non tivo tanta sorte, e chegou xa morta. Puxéronma en cuberta para que a puidese gravar e facer fotos. Dábame algo de medo pero terminei por acercarme. Cando estaba moi cerca intentando enfocarlle os dentes, cerrou a boca aínda que estaba morta, pero o susto que me levei eu foi como si estivera aínda viva. Fíxome gracia unha vez pasado o momento, pero máis gracia lles fixo a eles. Para perderlle o medo, eu fun o encargado de collela pola cola e botala ao mar.
Penso que estou recollendo moito material interesante para o documental, iso xa se verá, pero o que podo dicir agora e que estou aprendendo moito e sobre todo pasándoo bastante ben.
Nótase que xa vas indo mellor e que, a pesar dos mareos, estás disfrutando co que fas!
ResponderEliminarXa nos tarda ver o traballo acabado.
Di mamá que a ver si vas ter razón e vamos pelearnos por ver quen te acompaña
ResponderEliminarunbico