O quinto día da viaxe, venres, paseino practicamente enteiro na cociña con Andrés. Andrés dedica case todo o día á alimentación da tripulación. Fanse catro comidas ao día: almorzo, comida, cea, e o taco, cun momento para o café entre cada unha delas.
O almorzo e a única que non ten unha hora fixa, pois cada un vaise pasando pola cociña segundo se vai erguendo ou teña algo de tempo. A comida, a cea e o taco sérvense en dous turnos, por dúas razóns: sempre hai dous grupos de traballo no barco, os que viran e os que pasan aparello, ademais de que todos non collen no comedor ao mesmo tempo.
Para preparar a comida, Andrés empeza as dez da mañá, aínda que mentres fai o menú que toque, sempre vai adiantando cousas para o seguinte. Ao longo da mañá, vai preparando e ten sempre lista unha teteira con café, de pota. Así cada quen se vai pasando cando pode. Sobre todo á mañá, é un ir e vir de xente cunha cunca valeira.
Para o mediodía, sempre hai un prato de carne e un de culler, xa sexa unha sopa, caldo ou unhas legumes. A ensalada non falta, e de sobremesa sempre hai froita fresca, iogur, ou se hai tempo para facelo, unha torta ou un flan “da casa”. O primeiro turno entra ás 13:30, e o segundo ás 14:15.
Despois de recoller e fregar todo, a media tarde, prepara café para todos e lévallo a cada un ao seu posto. Mesmo se algún posto non se pode deixar desatendido, Andrés substitúeo o tempo que lle leve beber o café. Os sábados e os domingos sen expcepción, o café é irlandés.
A cea é a comida máis forte do día, xa que polo horario do barco coincide no medio da xornada de traballo. Comezase a preparar ás seis da tarde. Sempre hai un prato de carne, un de peixe, e o que sobre de culler do mediodía, ademais da respectiva sobremesa. Non fai falla que volva dicir que o peixe é moi fresco, sempre pescado os días anteriores, e tamén moi variado, xa que é raro repetir na mesma semana. Outra vez hai dous turnos, ás 20:00, e ás 20:45. Despois de cear, volve a rolda de cafés.
Antes de deitarse, sobre a 01:30, Andrés prepara o taco, unha comida rápida para que os que levan unhas horas traballando despois de cear, e para os que se erguen para facer a largada durante a madrugada. Normalmente consiste en algo de embutido e pan, unhas salchichas e ovos, ou unhas tortillas francesas, lombo á prancha, etc.
Pódovos asegurar que o que se come neste barco non ten nada que envexar a moitos restaurantes. Para min, o posto de Andrés é un dos máis importantes, xa que non só se trata de ter preparada a comida ás horas, ou de que sexa un menú variado. El é sobre todo o responsable dos únicos momentos de esparcemento que hai no barco. As horas das comidas son o momento de sentarse á mesa, esquecer un pouco a xornada laboral (que pode chegar ás 18 horas), ver un pouco a televisión, charlar ou facer bromas, de aí a importancia que lle dou a que consiga que estes momentos sexan do agrado dos compañeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario