O sétimo día da viaxe, o domingo, foi un día do máis normal. Calquera que non estea acostumado a que as fins de semana no mar non existen, non sabería dicir que día da semana era. Eu mesmo botei unhas horas pola mañá pensando que era luns, ata que falaron do café irlandés de despois de comer.
Xa me quedan poucas cousas que aínda non teña visto nin gravado no barco despois dunha semana. Seguen pasando cousas interesantes, pero o que é a rutina no traballo xa a coñezo na súa maior parte. O que a min me segue chamando a atención máis e como non as especies mariñas que vexo. Sempre busco un tempo pola tarde para ver como entra o peixe no barco, e se por calquera cousa non estou e ven algún peixe estraño, sempre me buscan para que o veña ver.
Os mariñeiros xa van tendo confianza comigo. Ao principio eran algo máis tímidos, pero agora sempre me veñen buscar para ensinarme ou dicirme calquera cousa e aínda me din que os grave tamén a eles si pensan que gravei máis a outro. Son ben menos tímidos do que son eu.
Polo que me contan, do que máis curiosidade tendes os que ledes o blogue, é sobre os mariñeiros, de onde son, como chegaron a traballar no mar, etc.
Pois ben, a maioría, menos tres, son galegos. A maior parte son da zona comprendida entre Valdoviño e Burela, o que é normal xa que a empresa ten sede en Cedeira e opera en Celeiro. Hai algúns tamén da Costa da Morte (Fisterra e Camariñas), unha zona tamén con moita tradición pesqueira. Os outros tres son de Indonesia.
Ourizos de marO caso dos traballadores de Indonesia é un tanto especial. Polo que me din os outros tripulantes, os indonesios son dos que mellor traballan no mar. Serios, tranquilos, limpos e traballadores son os adxectivos que máis se repiten nas súas descricións. Non son algo exclusivo deste barco, son algo común no pincho en Galicia. Teñen un axente que os recruta en Indonesia, e traballan aquí con un convenio especial, a soldo fixo, a diferencia do resto dos mariñeiros que gañan segundo un sistema de particións dos beneficios que explicarei noutra entrada. Aínda que a idea dun soldo fixo pode parecer mellor, normalmente este soldo é algo máis pequeno que o do resto dos mariñeiros se a cousa vai ben.
Botan en España dez meses ao ano, e van os outros dous de vacacións a Indonesia. Todos os deste barco son de Yakarta. Son os máis novos do barco, coa miña excepción nesta marea, e son moi tímidos e reservados. Son musulmáns e aínda que non se lles ve practicar a súa relixión por mor do traballo, si que cumpren polo menos os requisitos máis coñecidos á hora da comida. Non lles gusta moito que os grave, e con cámara ou sen ela non me falan nada se non lles falo eu, que non sexa que lles pase algo na mesa. Falan pouco castelán ou galego, case nada, e polo que me din tampouco inglés, aínda que desconfío se non mo dirán para que non lles de moito a lata. Este día foi o primeiro que tiven unha conversa con un. Eu teño un acordo cos mariñeiros de que lles regalarei unha copia en DVD do documental cando estea feito, e un dos indonesios, Wibobo, que é o menos tímido, preguntoume se lle ía dar unha a el tamén. Para picalo díxenlle que se nunca me falaban e me escapaban cando me vían coa cámara non sabía para que a querían se non ían saír. Entón riuse e accedeu a que o gravase e lle preguntase algunhas cousas. Son bastante simpáticos dentro da súa timidez e non cumpren co estereotipo do musulmán non moi tolerante que moitas veces nos facemos. Rinse por todo e todo lles fai gracia, sobre todo as barbaridades que ás veces soltan os outros mariñeiros aínda que non as entendan ben sempre.
Creo que preguntabades tamén que opinan da vida no barco e como chegaron a dedicarse a isto o resto dos mariñeiros. Pois ben, o sentimento é xeral para todos. Están no mar por cartos, non por vocación, e porque por non poder ou non querer non estudiaron nin se puideron dedicar a outra cousa. Pero o do diñeiro é a razón máis importante, xa que fai anos a diferencia do soldo con un traballo igual de cualificado en terra era moi grande. A opinión actual é de resignación, xa que os prezos do peixe e os soldos baixaron considerablemente, e aínda que a cousa non é tan rentable como era, consideran que coa súa idade e formación non terían outra oportunidade no mercado laboral. Din que a xente nova non quere dedicarse ao mar, e que cando eles se xubilen non lle ven moito futuro ao sector.
Que curiosa forma de ser teñen os indonesios... Non sabía eu esas cousas! Desde logo, se son tan educados, de seguro que se asustan máis dunha vez das burradas que poden soltar os nosos paisanos, hehe. :)
ResponderEliminar