viernes, 8 de julio de 2011

ÚLTIMO DÍA E REGRESO

Estrela de mar
 Como moitos xa sabedes, a miña viaxe no barco durou menos do que esperaba. O martes 5 pola noite, de madrugada, entereime de que poñíamos rumbo a terra, cinco días antes do previsto. Non é que pasase nada malo, pero déronse un cúmulo de situacións que fixeron que o armador e o patrón de decidisen terminar a marea.
                                                       





Como vos teño dito anteriormente, as cousas do barco non son matemáticas e pequenos factores poden influír dunha ou doutra forma nas decisións que se toman. Neste caso, o que pasou foi o seguinte. A zona na que pescamos non é unha zona ampla, estabamos na zona francesa do Gran Sol, a unhas cen millas da costa da Bretaña, na boca do Canal da Mancha. Poderedes pensar, como pensaba eu, que o mar é moi amplo e hai sitio de sobra onde estar, pero non é así. Os peixes acumúlanse nas zonas segundo a profundidade das augas, e o Gran Sol, é unha zona montañosa somerxida, pero non tan profunda coma o resto do Cantábrico, na que viven as pescadas e outros peixes. Esta é a razón da importancia dos caladoiros, os peixes practicamente non habitan en zonas moi profundas. Por iso, non é doado atopar un lugar no que pescar ás túas anchas, xa que hai barcos galegos, asturianos, franceses, etc., que acoden ao mesmo lugar. Unha vez que se chega, hai que respectar a orde de chegada dos demais, elixindo zona de largada do aparello na mesma orde de chegada.

O contramaestre recollendo o aparello por babor

Pois ben, cadrou que o vindeiro luns, o día que tiñamos pensado estar de volta para vender o peixe, ía haber outros cinco barcos do pincho como mínimo vendendo en Celeiro, mentres que o xoves só ía haber un. Parece obvio que segundo a lei da oferta e a demanda, sería moito máis fácil acadar un mellor prezo para o noso peixe o xoves, pero ademais, durante esta semana o prezo do peixe estaba un pouco máis alto que as veces anteriores, co cal a decisión quedou tomada. O feito de chegar o xoves e partir ese mesmo día de volta á marea, faría que o barco se adiantase a chegar ao caladoiro antes que os barcos que descargasen o venres, o luns, e incluso o que chegase o xoves no caso de que este decidise facer un descanso, e ter preferencia á hora de escoller lugar de largada.

O patrón no seu posto
Así, o martes sobre as 03:00 decidiuse que ao acabar de virar poñeríamos rumbo a terra para chegar, máis de 24 horas despois, o Xoves sobre as 05:00 para descargar e vender. A min colleume de sorpresa, xa que non contaba con volver tan pronto, e aínda que estaba moi contento alí, recoñezo que no momento de sabelo a miña cabeza trasladouse automaticamente á casa e xa me deron máis ganas de volver. Pode resultarvos estraño o precipitado da decisión e o secretismo, como me pasou a mín, pero os patróns de pesca soen ter o costume de non revelar aos mariñeiros o día de volta ata o último momento, coido que para que non afecte ao rendemento e para evitar especulacións que se poden tornar tristes se por algunha razón hai que desdicirse e quedar uns días máis dos que se contaba. Aínda así, os mariñeiros, segundo o que conta ou non conta o patrón, o que vai decidindo e outras cousas que se ven no barco, soen ter as súas técnicas para saber si se finaliza a marea ou non.
O día e algo que durou o traxecto, volvín case aos primeiros días. Non hai moito que ver no barco, xa que case toda a tripulación aproveita para descansar. A única diferencia notable é que se fai a limpeza xeral, pero que neste caso, ao ser unha marea sen descanso, non foi tan esixente coma é normalmente.

Digo que volvín aos primeiros días, porque ao coller de novo a velocidade para volver, o movemento do barco volveu ser o do principio, e volveron os mareos. Leveime unha decepción comigo mesmo, xa que xunto cos ánimos que me daban todos, pensaba que estaba máis que adaptado, pero non era así. Paseino bastante mal, porque pouco máis puiden facer en todo ese día e pico que durmir, estar tumbado, e como moito irme sentar na ponte de mando, pero nin facendo iso aguantaba moito. Deixei de poder comer, e a revolvérseme o estómago á mínima. So me levantaba para comer algo á hora da cea e volver rapidamente para a cama, aparte de cando o corpo me permitía intentar gravar algo da limpeza ou estar como dixen na ponte de mando, onde facía máis fresco. Como xa era a viaxe de volta e poucas horas me quedaban no mar, simplemente resigneime e esperei.

Paco e Carlos sostendo unhas pescadas
Ás 05:00 aproximadamente do xoves chegamos a Celeiro. Fíxose a descarga e recollín a miña equipaxe. Vin como se colocaba o peixe na lonxa, pero non me quedei á venda, xa que ninguén do barco acude normalmente. É cousa dos armadores, e polo que vin parecíame unha cousa bastante privada e non me quixen entremeter, ao fin e ao cabo tratábase dun reflexo do que é a vida no barco, e aquí os mariñeiros non formaban parte. Aínda así, polo que sei, a venda non foi mal de todo, e o peixe era dunha calidade excelente moito mellor que outras veces. De todos modos, como me explicaron moi ben e eu mesmo puiden comprobar, o prezo do peixe en lonxa non está á altura do que vale, porque despois de todo o esforzo e custes que supón capturalo, na lonxa só se paga unha terceira ou unha cuarta parte do que pagaremos despois no mercado. Isto faime pensar moito no papel dos intermediarios, que se enriquecen a costa do traballo duns, e da ignorancia doutros, nós, os consumidores.

Cando cheguei á casa sobre as 11:00, todo o agotamento que non sentía no barco presentouse de repente, pero sentíame bastante raro en terra despois de dez días no mar. Desfixen a bolsa, dinme unha boa ducha, e saudei a familia e amigos. Puiden ver e responder tamén a todas as mensaxes recibidas estes días no blogue, no twitter e sobre todo no facebook, e ver que o blogue tivo unha gran aceptación. Agradézovos unha vez máis o seguimento, que superou as dúas mil visitas amplamente no blogue, tamén dende Francia, Holanda, Uruguai ou os Estados Unidos entre outros.

Un dos últimos atardeceres que vin no barco
O máis raro que me sucedeu e que despois de deitarme cando xa non podía máis a iso das 19:00, e espertei, a habitación dábame voltas na cabeza, e cada vez que me intentaba erguer da cama as miñas pernas facían o movemento de contrarrestar o movemento do barco de forma inconsciente e inevitable, e toda a casa me daba voltas na cabeza. Custábame moito aguantarme de pé e non o podía controlar. Parece irónico que isto me sucedese mentres me acostumaba ao barco e agora despois outra vez na casa mentres me acostumaba ao “non movemento”. Xa non me puiden erguer nin para cear nin para nada, ata hoxe pola mañá.

Alégrome moito de ter tido esta oportunidade, non so de modo profesional coma proxecto de fin de carreira senón tamén a nivel persoal, no que aprendín moito, e a apreciar certas cousas. E espero que todos os que seguirades un pouco o blogue tamén vos servise de algo, ou que polo menos o desfrutásedes. Como isto non é un proxecto totalmente libre, que é algo académico, non sei exactamente o que sucederá co blogue, pero espero co tempo ir contando como vai o proxecto. Gracias a todos os que fixeron posible que puidese realizar esta viaxe e a todos os que me axudaron dunha forma ou de outra. Sen máis despídome, polo de agora.


 

martes, 5 de julio de 2011

DIA 8


O luns día 4 fai unha semana que saímos, e se fostes seguindo un pouco o blogue veredes que o que fun aprendendo dende que cheguei. En canto ao de acostumarme ao barco, cada vez me mareo menos (xa non me acordo da última vez) e durmo do tirón. Antes espertaba cada hora e non era capaz de durmir más de cinco ou seis horas. Agora durmo a noite do tirón e xa teño que poñer o espertador se quedei con alguén para gravar algo cedo pola mañá. Xa non me molesta que o barco se mova cando estou no catre, a menos que se mova moito, e incluso me gusta que parece que se mece un pouco como unha hamaca. Se me poño a ler un pouco despois de comer sempre quedo durmido con este vaivén.

Este día baixei por primeira vez á cámara de almacenamento. Está na parte máis baixa do barco, e hai dúas partes. Unha, está a -14 grados centígrados, e é o almacén da carnada, sardiña. A outra está entre a 0’5 grados, e é onde se almacenan as capturas. Tamén está a máquina do xeo, que está constantemente facendo unha montaña de xeo que collen con pás para botar nas caixas do peixe. O peixe nas caixas cóbrese cun plástico que transpira para que o contacto co xeo non lles queime a pel.

Eu non sabía moi ben o que había abaixo e baixei coa roupa coa que estou todo o día, pantalóns curtos. O único que fixen foi poñerme o calzado normal en vez das chanclas que uso normalmente, xa que fai moi bo tempo. Pasei bastante frío, xa que estivemos alí uns vinte minutos, sobre todo os cinco ou dez minutos que pasei a catorce baixo cero despois da solaina da cuberta. Cando saín, parecíame que facía demasiada calor fora.

Falando do tempo, a partir do mércores cambia a cousa, e esperamos que empeore. A forza do mar está prevista para 5 ou 6, e témolle que me volverei marear, custarame moito aguantarme de pé, etc. Non me apetece perder volver perder o día como me pasaba ao principio.

Hoxe collemos un marraxo, que é un escualo moito máis agresivo que as quenllas que vin ata o de agora. Era bastante pequeno, agarrábase ben cunha man, pero non facía máis que ensinar os dentes e intentar pegar un bocado a quen se lle acercaba. Son os dos únicos peixes que poden ver unha vez están fora da auga. Este si que tiña cara do tiburón das películas, coas filas de dentes e a boca manchada de sangue. Daba bastante medo a verdade. Sacáronmo para que lle tirase unhas fotos e despois devolvémolo ao mar. Cara o final do día, tamén entrou unha xuliana, que é coma un rape. Este tamén tiña unha boa boca e uns dentes ben grandes. Teñen unha pelexiña enriba da cara coa que atraen aos peixes para comelos dun bocado no seu descoido.

lunes, 4 de julio de 2011

DIA 7


O sétimo día da viaxe, o domingo, foi un día do máis normal. Calquera que non estea acostumado a que as fins de semana no mar non existen, non sabería dicir que día da semana era. Eu mesmo botei unhas horas pola mañá pensando que era luns, ata que falaron do café irlandés de despois de comer.

Xa me quedan poucas cousas que aínda non teña visto nin gravado no barco despois dunha semana. Seguen pasando cousas interesantes, pero o que é a rutina no traballo xa a coñezo na súa maior parte. O que a min me segue chamando a atención máis e como non as especies mariñas que vexo. Sempre busco un tempo pola tarde para ver como entra o peixe no barco, e se por calquera cousa non estou e ven algún peixe estraño, sempre me buscan para que o veña ver.

Os mariñeiros xa van tendo confianza comigo. Ao principio eran algo máis tímidos, pero agora sempre me veñen buscar para ensinarme ou dicirme calquera cousa e aínda me din que os grave tamén a eles si pensan que gravei máis a outro. Son ben menos tímidos do que son eu.

Polo que me contan, do que máis curiosidade tendes os que ledes o blogue, é sobre os mariñeiros, de onde son, como chegaron a traballar no mar, etc.

Pois ben, a maioría,  menos tres, son galegos. A maior parte son da zona comprendida entre Valdoviño e Burela, o que é normal xa que a empresa ten sede en Cedeira e opera en Celeiro. Hai algúns tamén da Costa da Morte (Fisterra e Camariñas), unha zona tamén con moita tradición pesqueira. Os outros tres son de Indonesia.
Ourizos de marO caso dos traballadores de Indonesia é un tanto especial. Polo que me din os outros tripulantes, os indonesios son dos que mellor traballan no mar. Serios, tranquilos, limpos e traballadores son os adxectivos que máis se repiten nas súas descricións. Non son algo exclusivo deste barco, son algo común no pincho en Galicia. Teñen un axente que os recruta en Indonesia, e traballan aquí con un convenio especial, a soldo fixo, a diferencia do resto dos mariñeiros que gañan segundo un sistema de particións dos beneficios que explicarei noutra entrada. Aínda que a idea dun soldo fixo pode parecer mellor, normalmente este soldo é algo máis pequeno que o do resto dos mariñeiros se a cousa vai ben.

Botan en España dez meses ao ano, e van os outros dous de vacacións a Indonesia. Todos os deste barco son de Yakarta. Son os máis novos do barco, coa miña excepción nesta marea, e son moi tímidos e reservados. Son musulmáns e aínda que non se lles ve practicar a súa relixión por mor do traballo, si que cumpren polo menos os requisitos máis coñecidos á hora da comida. Non lles gusta moito que os grave, e con cámara ou sen ela non me falan nada se non lles falo eu, que non sexa que lles pase algo na mesa. Falan pouco castelán ou galego, case nada, e polo que me din tampouco inglés, aínda que desconfío se non mo dirán para que non lles de moito a lata. Este día foi o primeiro que tiven unha conversa con un. Eu teño un acordo cos mariñeiros de que lles regalarei unha copia en DVD do documental cando estea feito, e un dos indonesios, Wibobo, que é o menos tímido, preguntoume se lle ía dar unha a el tamén. Para picalo díxenlle que se nunca me falaban e me escapaban cando me vían coa cámara non sabía para que a querían se non ían saír. Entón riuse e accedeu a que o gravase e lle preguntase algunhas cousas. Son bastante simpáticos dentro da súa timidez e non cumpren co estereotipo do musulmán non moi tolerante que moitas veces nos facemos. Rinse por todo e todo lles fai gracia, sobre todo as barbaridades que ás veces soltan os outros mariñeiros aínda que non as entendan ben sempre.

Creo que preguntabades tamén que opinan da vida no barco e como chegaron a dedicarse a isto o resto dos mariñeiros. Pois ben, o sentimento é xeral para todos. Están no mar por cartos, non por vocación, e porque por non poder ou non querer non estudiaron nin se puideron dedicar a outra cousa. Pero o do diñeiro é a razón máis importante, xa que fai anos a diferencia do soldo con un traballo igual de cualificado en terra era moi grande. A opinión actual é de resignación, xa que os prezos do peixe e os soldos baixaron considerablemente, e aínda que a cousa non é tan rentable como era, consideran que coa súa idade e formación non terían outra oportunidade no mercado laboral. Din que a xente nova non quere dedicarse ao mar, e que cando eles se xubilen non lle ven moito futuro ao sector.

DIA 6



O sexto día da viaxe, sábado, encontrábame algo raro. Non estaba enfermo, nin mareado, simplemente creo que o feito de estar tanto tempo no mesmo sitio con tanta xente, un sitio pequeno no que non se pasa case nin un minuto só, me ten un pouco desubicado ás veces. Aínda así estou moi contento e non estou pensando para nada no día de volver á casa, pero recoñezo que o non ter un camarote de meu ou un lugar no que pasar algo de tempo para min, agóbiame un pouco. É o único que cambiaría. Creo que é por iso que me gusta pasar a tarde en cuberta, ao aire libre e aproveitando o bo tempo que aínda dura. Hoxe paseina en gran parte no “tellado” da ponte de mando, lendo un pouco, mentres intentaba facer un time-lapse do ceo coa cámara, cousa que descubrín que era totalmente imposible debido ao movemento sen pausa do barco. Non sei como non me din conta antes de poñerme.

Parece ser que o bo tempo só nos vai acompañar un par de días máis, así que aproveitei para facer planos recurso e fotos ao aire, aparte de gravar cousas que xurdían ou que me quedaran de días anteriores. A partir do martes ou mércores, está previsto que a forza do mar pase a 5 ou 6, en comparación con estes días que estaba no valor máis baixo. Dínme que facía moito tempo que non facía tan bo tempo e non estaba o mar en tan en calma tanto tempo seguido. Terei que volver máis veces.

Hoxe houbo bastantes problemas coa pesca, xa que o noso aparello enredouse varias veces co do barco co que estamos pescando en parella, o Candorca. Cando pasa iso, normalmente acaban rompendo e ningún dos dous barcos recupera nada. A culpa é das mareas vivas, que fan que os aparellos se movan do sitio máis do que deberían.

Despois de cear, unha pomba en ruta pousouse na cuberta. Puidemos collela e darlle algo de auga e comida mentres descansaba da súa viaxe. Era bastante mansa e deixábase. Algo que me gusta ver tamén son as aves que nos seguen practicamente dende que saímos. En concreto hai tres especies: uns pequenos negros que non sabemos como se chaman, os petreles, que se parecen ás gaivotas normais pero son máis pequenos, e os máis bonitos de todos, os mascatos, ou alcatraces que é como os coñezo eu. Pasan o día voando e nadando ao redor do barco, e durante a virada, que dura case todo o día, están pendentes de coller as vísceras que se tiran ao mar de limpar os peixes, ou os restos de sardiñas da carnada. Montan bastante feira, berran, peléxanse e pódense xuntar uns cen tranquilamente entre todos. Os mascatos son os que máis me gusta observar, voan en círculos ao redor do barco ata que localizan un obxectivo, e cando o ven, lánzanse en picado ao mar e nadan baixo a auga ata que o collen.

Cando vexo todo isto, e a cantidade de especies de peixes, as quenllas, as baleas, que nunca vira ata o de agora, lémbrome do que me gustaba de pequeno ver unha e outra vez os vhs cos documentais de Jacques Cousteau (penso que se escribe así, pero non teño forma de comprobalo), e como pensaba que cando fose maior me gustaría ir nun barco tamén a facer un documental no mar.

Agora ben, aínda que no mar non me vou meter coma facían nestes outros documentais, e menos coas quenllas, esta é unha gran oportunidade que teño que agradecerlle á Universidade da Coruña, que me deixou o material, e á casa armadora García Yañez, de Cedeira, que son os donos da empresa. E por suposto aos compañeiros do barco, que son os que me aturan estas dúas semanas.