O segundo día erguinme non moi cedo, ás 9 da mañá, xa que ao estar de viaxe non hai demasiado que facer. Esta mañá foi cando me enterei definitivamente de que non ía poder subir vídeos e fotos ao blog.
A mañá estivo bastante movida. Ao erguerme, xa notei que me costaba moito máis aguantarme de pé que o día anterior. Subindo á ponte de mando xa me explicaron que había algo de marexada, e que non era o máis adecuado para que me puidese moverme polo barco. Estiven bastante mareado toda a mañá, aínda que intentaba gravar algo coa cámara de man, sobre todo aos grupos de golfiños que se aproximan ao barco.
Quitando os preparativos do primeiro día, non puiden volver a usar a cámara JVC máis, debido a que me mareo moito, e que aínda non son quen de andar de forma segura sen que se me caia, nin sen caerme eu. Porén, intento gravar o que me sexa posible coa de man, que me resulta más fácil polo de agora.
Os mariñeiros comezaron a media mañá a preparar o aparello para largalo (botalo ao mar) pola tarde, en canto chegásemos ao noso destino. Intentei gravalos pero foime imposible, entre o movemento e o olor de facerse a comida revolvéronme o estómago moito máis.
Intentei estar tranquilo sentado na ponte de mando, charlando co patrón, pero nun momento xa me din conta de que estaba moito peor que onte, e saín para a cuberta. Cumprín o primeiro dos clichés, o de vomitar pola borda. Despois disto, aínda que o pasei bastante mal no momento, empecei a atoparme bastante mellor. Incluso me atrevín ao mediodía a baixar a comer. Isto xa foi demasiado, pois non estaba nin acabando un plato de caldo cando me tuven que ir deitar no catre porque me estaba encontrando bastante mal outra vez.
Durmín ata media tarde, o tempo xusto para levantarme moito mellor, xa co barco parado, para recoller o aparello que se lanzara horas antes. Aínda estando parado, o barco móvese, pero con menor intensidade. Aínda necesito irme agarrando a todo para non caer, pero non se move o suficiente para marearme, o que me permitiu gravar como se viraba (recollía) o aparello. Vin como se recollían e limpaban os primeiros peixes, preparar de novo o aparello para a seguinte, e as moreas de paxaros que se xuntan no final no barco para recuperar os restos, vísceras e xoubas de carnada que non serven.
O máis divertido da tarde foi o “gancho” que é un pau moi largo con un gancho ao final, e que se utiliza para recoller unha peza que esvare e caia ao mar. Santoso Wibobo, un indonesio dos tres que hai no barco, era o encargado del. E non paraba de rirse e decirme “cuidado” mentres eu o gravaba.
Xa ao final, mentres se poñía o sol, unha balea cruzou por diante do barco, e aínda que non a puidemos ver con claridade, si que vin varias veces como expulsaba a auga fora para respirar, co sol laranxa de fondo.
Dende este día pola tarde empecei a estar mellor e espero facer o meu traballo con normalidade nos próximos días, aínda que segundo como estea o mar pode cambiar a cousa. Seguimos en contacto dende o Eixil. Brais.
Veña Brais, que se che pasen eses mareos axiña e segue a informarnos!
ResponderEliminarBueno lo de los mareos ya desaparecerá, tomatelo con calma! Cuando vuelvas ya subiras los videos asi que sigue gravando :D Ánimo y cuentanos tus progresos jaja. Soy Elena jaja
ResponderEliminar