O primeiro día chegamos ás dez da mañá ao porto, e cada un púxose coa súa tarefa. Foi o momento de máis traballo, xa que hai que preparar todo o antes posible para saír ben de tempo. Tamén o foi para min, que tiven que estar apurado para poder coller un pouco de todo.
Cada un ten a súa función. Os mariñeiros cargan a carnada, o cociñeiro abastece a despensa, e os patróns encárganse dos datos e papeleos. E aínda que estas son as tarefas máis rechamantes, hai máis. Hai que encher os tanques de auga doce e tamén cada un arranxar as súas cousas no camarote, entre outras. As gaivotas pola súa parte non se cortan nada en acercarse ás caixas para roubar algunha que outra xouba mentres se cargan.
Despois dunhas dúas horas de preparativos, saímos por fin ao mar. Coma tódolos barcos de Celeiro, antes de partir, viramos a proa cara o piñeiral da Praia de Covas, en sinal de respeto ao Santo Ecce Homo, que ten alí adicada una capela. Este é tamén o momento no que a cuberta se enche de homes falando polos seus teléfonos móbiles, xa que son os últimos minutos con rede ata a volta, e aproveitan para despedirse.
O certo é que non me foi mal de todo gravando, aínda que estaba un pouco preocupado de que non me dese tempo a atender a todo.
Pasadas máis de sete horas dende que sairamos xa estabamos a unas 70 millas da costa. A mañá foi bastante intensa e na tarde a cousa estivo máis relaxada. Xa fai tempo que non se ve terra.
Cando terminei de gravar todos os preparativos, a iso das doce do mediodía, estiven na ponte de mando (onde teño disposta a miña zona de traballo), comprobando e clasificando o material ao redor dunha hora. Tamén me instalei no camarote e preparei o catre. Non sabía que me ía vir moi ben telo todo feito unha hora máis tarde.
Aos poucos minutos, e aínda que me tomara unha das famosas pastillas para o mareo, comecei a sentirme peor. Sucede que cando o barco está en marcha, faga bo ou mal tempo, resúltame bastante difícil aguantarme de pé, e teño que ir agarrándome a todo. Vou topando coas paredes e mobles, e dinme que ata que me acostume ao movemento nun par de días estarei así. Por máis dun par de veces estiven cerca de “esfuciñarme” polas escaleiras ou contra unha parede nun movemento imprevisto do barco.
Cando chegou a hora de comer, estaba realmente mal. Convencéronme para que baixase a intentar comer algo aínda que non me apetecía nada, pero non fun capaz. Estaba sentado á mesa co prato vacío e cada vez máis pálido, ata que me recomendaron irme deitar un rato. Así o fixen e durmín un par de horas, ata as catro e media da tarde. Levanteime moito mellor e intentei seguir traballando.
O lugar onde mellor estou e na cuberta, coa brisa e o aire fresco. Pola contra onde máis me mareo e dentro, e abaixo. Dinme que é o máis normal xa que o feito de ter a liña do horizonte á vista fai que perda menos o equilibrio, así que posiblemente estes dous primeiros días pase case todo o tempo por aquí.
Xa de tarde, despois da reparadora sesta, pasei un bo rato fora en cuberta, tirando unhas fotos, e comendo algo, acompañado polo vento, un par de gaivotas que todavía nos seguían, e un grupo de golfiños que se puxeron a nadar e saltar a carón do barco. Cando máis feliz estaba, sentado na punta de proa e a pesares de estar todo na maior calma, veu un golpe de mar que me deixou literalmente empapado, mentres mastigaba o meu bocadillo de xamón. Agora parece ser que xa estou bautizado polo “Champazo”.
O resto da tarde seguiu con normalidade. O patrón estúvose poñendo en contacto por radio con compañeiros doutros barcos, para decidir o punto exacto ao que dirixirnos.
Despois de cear, deiteime, xa que estaba algo mareado e canso, e por mor de estar aínda de viaxe, non pasaba resaltable no barco. Seguimos en contacto dende o Eixil. Brais.
Tranquilo polo das fotos e os videos, describes todo tanto que non se botan en falta!
ResponderEliminarBicos e recordos de Teo.
E dille ó patrón que non che faga traballar moito...
Vaia! Resulta curioso a morea de tradicións que mantén o mundo mariñeiro! Aínda que máis rechamante é ver aos teléfonos móbiles polo medio a todo meter... haha.
ResponderEliminarPor certo, que envexa me das! Arrodeado de golfiños! Ten que ser unha imaxe do máis bonita! :)
Saúdos! :)