jueves, 30 de junio de 2011

DÍA 2


O segundo día erguinme non moi cedo, ás 9 da mañá, xa que ao estar de viaxe non hai demasiado que facer. Esta mañá foi cando me enterei definitivamente de que non ía poder subir vídeos e fotos ao blog.

A mañá estivo bastante movida. Ao erguerme, xa notei que me costaba moito máis aguantarme de pé que o día anterior. Subindo á ponte de mando xa me explicaron que había algo de marexada, e que non era o máis adecuado para que me puidese moverme polo barco. Estiven bastante mareado toda a mañá, aínda que intentaba gravar algo coa cámara de man, sobre todo aos grupos de golfiños que se aproximan ao barco.

Quitando os preparativos do primeiro día, non puiden volver a usar a cámara JVC máis, debido a que me mareo moito, e que aínda non son quen de andar de forma segura sen que se me caia, nin sen caerme eu. Porén, intento gravar o que me sexa posible coa de man, que me resulta más fácil polo de agora.

Os mariñeiros comezaron a media mañá a preparar o aparello para largalo (botalo ao mar) pola tarde, en canto chegásemos ao noso destino. Intentei gravalos pero foime imposible, entre o movemento e o olor de facerse a comida revolvéronme o estómago moito máis.

Intentei estar tranquilo sentado na ponte de mando, charlando co patrón, pero nun momento xa me din conta de que estaba moito peor que onte, e saín para a cuberta. Cumprín o primeiro dos clichés, o de vomitar pola borda. Despois disto, aínda que o pasei bastante mal no momento, empecei a atoparme bastante mellor. Incluso me atrevín ao mediodía a baixar a comer. Isto xa foi demasiado, pois non estaba nin acabando un plato de caldo cando me tuven que ir deitar no catre porque me estaba encontrando bastante mal outra vez.

Durmín ata media tarde, o tempo xusto para levantarme moito mellor, xa co barco parado, para recoller o aparello que se lanzara horas antes. Aínda estando parado, o barco móvese, pero con menor intensidade. Aínda necesito  irme agarrando a todo para non caer, pero non se move o suficiente para marearme, o que me permitiu gravar como se viraba (recollía) o aparello. Vin como se recollían e limpaban os primeiros peixes, preparar de novo o aparello para a seguinte, e as moreas de paxaros que se xuntan no final no barco para recuperar os restos, vísceras e xoubas de carnada que non serven.

O máis divertido da tarde foi o “gancho” que é un pau moi largo con un gancho ao final, e que se utiliza para recoller unha peza que esvare e caia ao mar. Santoso Wibobo, un indonesio dos tres que hai no barco, era o encargado del. E non paraba de rirse e decirme “cuidado” mentres eu o gravaba.

Xa ao final, mentres se poñía o sol, unha balea cruzou por diante do barco, e aínda que non a puidemos ver con claridade, si que vin varias veces como expulsaba a auga fora para respirar, co sol laranxa de fondo. 

Dende este día pola tarde empecei a estar mellor e espero facer o meu traballo con normalidade nos próximos días, aínda que segundo como estea o mar pode cambiar a cousa. Seguimos en contacto dende o Eixil. Brais.

miércoles, 29 de junio de 2011

DÍA 1


O primeiro día chegamos ás dez da mañá ao porto, e cada un púxose coa súa tarefa. Foi o momento de máis traballo, xa que hai que preparar todo o antes posible para saír ben de tempo. Tamén o foi para min, que tiven que estar apurado para poder coller un pouco de todo.
Cada un ten a súa función. Os mariñeiros cargan a carnada, o cociñeiro abastece a despensa, e os patróns encárganse dos datos e papeleos. E aínda que estas son as tarefas máis rechamantes, hai máis. Hai que encher os tanques de auga doce e tamén cada un arranxar as súas cousas no camarote, entre outras. As gaivotas pola súa parte non se cortan nada en acercarse ás caixas para roubar algunha que outra xouba mentres se cargan.
Despois dunhas dúas horas de preparativos, saímos por fin ao mar. Coma tódolos barcos de Celeiro, antes de partir, viramos a proa cara o piñeiral da Praia de Covas, en sinal de respeto ao Santo Ecce Homo, que ten alí adicada una capela. Este é tamén o momento no que a cuberta se enche de homes falando polos  seus teléfonos móbiles, xa que son os últimos minutos con rede ata a volta, e aproveitan para despedirse.
O certo é que non me foi mal de todo gravando, aínda que estaba un pouco preocupado de que non me dese tempo a atender a todo.
Pasadas máis de sete horas dende que sairamos  xa estabamos a unas 70 millas da costa. A mañá foi bastante intensa e na tarde a cousa estivo máis relaxada. Xa fai tempo que non se ve terra.
Cando terminei de gravar todos os preparativos, a iso das doce do mediodía, estiven na ponte de mando (onde teño disposta a miña zona de traballo), comprobando e clasificando o material ao redor dunha hora. Tamén me instalei no camarote e preparei o catre. Non sabía que me ía vir moi ben telo todo feito unha hora máis tarde.
Aos poucos minutos, e aínda que me tomara unha das famosas pastillas para o mareo, comecei a sentirme peor. Sucede que cando o barco está en marcha, faga bo ou mal tempo, resúltame bastante difícil aguantarme de pé, e teño que ir agarrándome a todo. Vou topando coas paredes e mobles, e dinme que ata que me acostume ao movemento nun par de días estarei así. Por máis dun par de veces estiven cerca de “esfuciñarme” polas escaleiras ou contra unha parede nun movemento imprevisto do barco.
Cando chegou a hora de comer, estaba realmente mal. Convencéronme para que baixase a intentar comer algo aínda que non me apetecía nada, pero non fun capaz. Estaba sentado á mesa co prato vacío e cada vez máis pálido, ata que me recomendaron irme deitar un rato. Así o fixen e durmín un par de horas, ata as catro e media da tarde. Levanteime moito mellor e intentei seguir traballando.
O lugar onde mellor estou e na cuberta, coa brisa e o aire fresco. Pola contra onde máis me mareo e dentro, e abaixo. Dinme que é o máis normal xa que o feito de ter a liña do horizonte á vista fai que perda menos o equilibrio, así que posiblemente estes dous primeiros días pase case todo o tempo por aquí.
Xa de tarde, despois da reparadora sesta, pasei un bo rato fora en cuberta, tirando unhas fotos, e comendo algo, acompañado polo vento, un par de gaivotas que todavía nos seguían, e un grupo de golfiños que se puxeron a nadar e saltar a carón do barco. Cando máis feliz estaba, sentado na punta de proa e a pesares de estar todo na maior calma, veu un golpe de mar que me deixou literalmente empapado, mentres mastigaba o meu bocadillo de xamón. Agora parece ser que xa estou bautizado polo “Champazo”.
O resto da tarde seguiu con normalidade. O patrón estúvose poñendo en contacto por radio con compañeiros doutros barcos, para decidir o punto exacto ao que dirixirnos.
Despois de cear, deiteime, xa que estaba algo mareado e canso, e por mor de estar aínda de viaxe, non pasaba resaltable no barco. Seguimos en contacto dende o Eixil. Brais.

ACLARAMENTO



Despois de varios días por fin podo actualizar. O tipo de conexión a internet vía satélite que temos no barco, en contra do que pensabamos, non permite conectarse a internet libremente. Está restrinxido a enviar e recibir correos electrónicos e facer chamadas. Sabendo isto, o único que vou poder facer a partir de agora, é enviar os textos das miñas actualizacións, pero non poderei subir nin fotos nin vídeos, xa que o prezo de subida de cada mega é de 12 dólares, un prezo demasiado alto. Por este motivo, intentarei ser o máis claro posible e explicar todo o que suceda de forma escrita. Perdoade as molestias.

domingo, 26 de junio de 2011

Nervios de última hora


Vai moita calor e xunto cos nervios de última hora estame costando quedar a durmir. Os demais xa se foron fai un bo anaco para a cama pero eu sigo "preparándome" ou máis ben dándolle un pouco de voltas a todo. Dentro de 6 horas téñome que erguer. Mañá vai ser un día duro.


Por certo, tódos os vídeos ao subirse, repítense unha vez terminados outra vez máis, sen son. Intentarei amañalo.

Preparativos (III)

Xa terminei con todos os preparativos, e esta é a roupa que previsiblemente usarei durante gran parte a miña viaxe. Tamén fixen as primeriras gravacións.


Esta noite vin para o porto de Cariño, lugar onde vive Vicente, o patrón do "Eixil". Vou durmir na súa casa coa súa familia, e mañá as nove da mañá iremos para Celeiro, base do barco. Pasadas as dez, partiremos xa rumbo ás augas do Gran Sol.

sábado, 25 de junio de 2011

Preparativos (II)



Xa estou na casa con todo o material de gravación listo. O ordenador xa ten tódolos códecs para ler os vídeos e só me queda practicar un pouco máis coa cámara, xa que nunca me parece suficiente.

Faltan xa menos de 48 horas para que embarque e a cousa vai tomando forma, así que o resto do día dedicareino a preparar todo o material “non audiovisual”. Teño unha morea de roupa de abrigo que probar, clasificar e gardar, e tamén a roupa de augas. Espero que sexa cómoda.

jueves, 23 de junio de 2011

Preparativos (I)

Hoxe estíven facendo os últimos ensaios coa cámara. Mañá levareina por fin para a casa e prepararei o resto do material. Aínda teño algún problema cos códecs que espero arranxar entre hoxe e mañá. Non me creo que o luns esté tan preto. Polo de agora, feliz noite de San Xoán!

miércoles, 22 de junio de 2011

Presentación

Chámome Brais e estudo 4º de Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña. Sempre me sentín atraído polo mundo documental e por iso decidín que o meu proxecto fin de carreira tratase sobre iso. Con este proxecto teño a oportunidade non só de facer algo que me gusta, senón tamén de dar a coñecer a todo o mundo que siga este blogue como é a vida dos mariñeiros cando non están nas súas casas.

Para iso, vou acompañar á tripulación do ”Eixil”, un barco adicado á captura de pescada con base en Celeiro, durante a súa vindeira marea.
Dende hoxe ata o luns 27, día da partida, contarei neste blogue como me vou preparando para o gran día, e a partir de aí, irei actualizando tan a miúdo como poida, como é a miña experiencia no mar. Espero que o desfrutedes.